A piscina de Bueu será financiada entre o Concello e a Deputación

Bueu
15 de novembro 2017

Bueu xa ten financiamento para a súa piscina municipal cuberta. O Concello foi un dos beneficiarios do plan de reequilibrio provincial aprobado pola Deputación de Pontevedra

Concelleiros de Bueu, nas Lagoas
Concelleiros de Bueu, nas Lagoas / Concello de Bueu

Bueu xa ten financiamento para a súa piscina municipal cuberta. O Concello foi un dos beneficiarios do plan de reequilibrio provincial aprobado pola Deputación de Pontevedra. 

Así, dos case 2,8 millóns que custará a construción destas instalacións, o goberno provincial investirá 1,5 millóns. O resto, 1,3 millóns, será achegado polas arcas municipais.

O goberno de Félix Juncal considera que esta piscina, desde o punto de vista deportivo e da saúde e benestar dos veciños, é moi necesaria para o municipio.

Construirase nunha parcela das Lagoas, que ten unha superficie total de 1.863 metros cadrados.

Ademais do vaso da piscina, que terá unha dimensión de 12 x 25 metros e seis rúas, haberá diversos espazos nos que se relacionan a saúde e o deporte, tales como salga de aerobic, sala de relaxación, sala de fitness, sala de masaxes e sauna.

As instalacións contarán tamén cunha ludoteca e cunha zona de cafetería.

Durante os últimos anos, o goberno local estivo a barallar as diversas opcións para poder financiar esta infraestrutura pero, tras a negativa da Xunta optouse por presentar o proxecto a esta nova liña de axudas.

En todo caso, destacan desde o Concello, Bueu seguirá tentando que o goberno galego participe neste proxecto.