A piscina municipal de Barro pecha as súas portas co fin do verán

Barro
16 de setembro 2019

O pasado sábado terminou a tempada de piscina municipal en Barro. Máis de 9.000 usuarios, veciños de Barro e residentes dos concellos de ao redor, puideron gozar das instalacións, inauguradas o 19 de xullo

Piscina municipal de Barro
Piscina municipal de Barro / Concello de Barro

O pasado sábado terminou a tempada de piscina municipal en Barro. As instalacións tiveron gran acollida entre a propia veciñanza de Barro e entre os residentes dos concellos do redor que desfrutaron das dúas piscinas das que estaba dotado p complexo, unha de 25x10 metros, e outra de 8x6 metros para os máis pequenos.

Para o goberno municipal, foi un acerto apostar polo equipamento do lugar e do que puideron gozar 9.195 usuarios desde o día da súa inauguración o 19 de xullo.

Despois de esperar durante case dúas décadas, a piscina municipal converteuse nunha realidade durante os meses deste verán, sendo un espazo de convivencia social e de baño para todas as idades e grupos familiares.

Estes dous meses de funcionamento servíronlle ao Concello de Barro para comprobar aqueles aspectos para mellorar de fronte ao futuro e para elaborar un regulamento que se aprobará a principios do verán que vén.