A plataforma de Lourizán acusa a Ence de levar a cabo obras ilegais

Pontevedra
26 de febreiro 2019

Argumentan que estas obras son ilegais "porque seguen sen contar con licenza municipal" y din que tamén debería ter autorización por parte da Xunta de Galicia e tamén de Costas, porque a concesión é de dominio público marítimo terrestre

Obras no recinto da empresa ENCE
Obras no recinto da empresa ENCE / Plataforma veciñal de Lourizán

A plataforma veciñal de Lourizán acusa á empresa Ence de levar a cabo obras "ilegais". Segundo sinalan nun comunicado, estas obras consisten na "instalación dunha canalización relacionada coas súas augas residuais".

"Ence xa iniciara estas obras meses atrás de maneira discreta, pero a raíz do incendio do pasado mes de decembro, paralizounas ante o revuelo creado e as acusacións do Concello de Pontevedra sobre que a empresa estaba a realizar obras sen a pertinente licenza municipal", engade o escrito difundido por este colectivo.

Argumentan que estas obras son ilegais "porque seguen sen contar con licenza municipal" y din que tamén debería ter autorización por parte da Xunta de Galicia e tamén de Costas, porque a concesión é de dominio público marítimo terrestre.

"Pola contra, aquí a maneira de actuar é que a empresa considera que dentro do seu recinto pode facer o que lle veña en gana, coa connivencia e a complicidade do goberno autonómico", reza o escrito da plataforma de Lourizán.

"A Xunta de Galicia antepón unha vez máis os intereses privados ao interés público", din. "Hai que recordar que Ence para realizar estas obras está a remover terras contaminadas, sen ningún tipo de estudo de impacto ambiental nin ningún control por parte da Xunta". 

A plataforma veciñal diríxese ás administracións implicadas para que fagan cumplir a legalidade vixente.