A Plataforma SOS Castiñeiras urxe á Xunta un plan de intervención no Parque Forestal de Castiñeiras

Vilaboa
29 de xuño 2018

Formada por máis dunha vintena de colectivos, esta Plataforma vai organizar un programa de actividades reivindicativas e de denuncia para que as administracións responsables leven a cabo un traballo de conservación e promoción deste espazo natural

Plataforma SOS Castiñeiras
Plataforma SOS Castiñeiras / Plataforma SOS Castiñeiras

Máis dunha vintena de asociacións, colectivos políticos e comunidades de montes uníronse para constituír a Plataforma SOS Castiñeiras, que este venres presentábase publicamente. Este movemento quere denunciar o abandono no que se atopa este espazo cheo, segundo afirman, de silveiras e de valos derrubados. Quéixanse da perda de auga en tempo de seca na lagoa e da falta de coidado das árbores da contorna.

A plataforma ten previsto actuar no terreo social promocionando o parque forestal de Castiñeiras e no institucional, demandando ás administracións competentes solucións inmediatas e a medio prazo para revitalizar a zona.

Neste sentido, reclaman á Xunta de Galicia un plan de actuación para a conservación, o mantemento, a limpeza e a promoción do parque forestal. Os integrantes entenden que é o goberno galego quen debe tomar decisións políticas e administrativas sobre un parque que se atopa entre os concellos de Marín e Vilaboa, con varias comunidades de montes como propietarias.

Urxen unha solución á perda de auga da Lagoa, cando se trata dun dos poucos puntos de aprovisionamento de auga para os helicópteros e servizos contra incendios que existen na zona. A falta de auga actual impide que se poida realizar este traballo xusto coincidindo co inicio da tempada de incendios.

Sinalan a falta de coidado do xardín botánico e das zonas arborizadas, a senda de terra conta con varios puntos en mal estado, o mobiliario atópase deteriorado, falta sinalización e os baños públicos non se poden usar por falta de limpeza e mantemento.

Indican tamén que a Xunta incumpre o convenio asinado en 2001 coa comunidade de montes de Vilaboa, por un período de 30 anos, que obrigaba á administración autonómica a realizar un plan anual de actuación nas máis de 20 hectáreas conveniadas. A pesar de que se alertou á Consellería de Medio Ambiente esta situación, non se obtivo resposta.

Esta plataforma ten previsto organizar un programa de actividades reivindicativas e de denuncia para que as administracións responsables leven a cabo un traballo de conservación e promoción deste espazo natural.

As comunidades de montes de  Salcedo, San Xulián, Santomé e Vilaboa; varias asociacións culturais e veciñais da contorna; agrupacións políticas e clubs deportivos forman parte deste movemento que esixe a recuperación deste espazo natural.