A plataforma Virxen dos Remedios de San Xulián de Marín oponse aos lombos

Marín
01 de agosto 2017

Denuncian despilfarro económico porque hai dez días, pintáronse os pasos de cebra na estrada provincial EP-0019, que comunica Marin con Figueirido ao seu paso por San Xulián, e agora a Deputación vai instalar lombos neses mesmos puntos

Estrada provincial EP-0019 que comunica Marín con Figueirido ao seu paso por San Xulián
Estrada provincial EP-0019 que comunica Marín con Figueirido ao seu paso por San Xulián / Plataforma Virxen dos Remedios de San Xulian (Marín)

Desde a asociación plataforma Virxen dos Remedios de San Xulián, da parroquia de Marín, afirman que están molestos e moi enfadados co que consideran un "malgasto" que está a levar a cabo a Deputación nas estradas provinciais. Denuncian que fai dez días pintáronse os pasos de peóns na estrada provincial EP-0019 que comunica Marín con Figueirido ao seu paso por San Xulián e agora nese mesmo tramo está previsto que a Deputación instale lombos con diñeiro público.

Tamén denuncian a enorme cantidade de postes verticais no medio das beirarrúas que, segundo sinalan, dificultan o paso dunha cadeira de rodas. Estes veciños afirman que levan tempo reclamando, sen recibir resposta, a continuidade das beirarrúas desde a Casa Cultural, pasando pola Bouza ata o Caeiro e Pena, conservando a velocidade de 50 km/hora nesa zona e rexeitando o límite a 30 km/h. que propón a Deputación.  Ademais afirman que carecen de beiravía.

Ademais, Laureano Allariz, vicepresidente da asociación, sinala que acudiron ata unha ducia de veces ata a Deputación para reclamar unha reunión sen obtela. E culpan ao Concello de Marín de ser cómplice nestas prácticas contra os intereses veciñais. 

Alegan que os lombos causan dificultades aos servizos de emerxencias e danos ás persoas con problemas de costas e outras doenzas, ademais da os vehículos. Indican que por esa estrada pasan voltas ciclistas e un desfile de entroido, que se verán cun problema debido a estes reductores de velocidade. 

Este colectivo apoia á plataforma O Rural Existe de Pontevedra e aposta polo asfaltado dos viarios e o seu mantemento, coa construción de beirarrúas e de senllas peonís, con boa iluminación.