A poboación infantil de Poio recibe estes días os seus diplomas de cidadáns exemplares

Poio
28 de abril 2020

Desde o pasado domingo 26 a Policía Local non tivo que tramitar ningunha denuncia por incumprimento das normas establecidas para a saída dos menores de 14 anos

Diploma especial da Policía Local de Poio
Diploma especial da Policía Local de Poio / Concello de Poio

O comportamento da poboación infantil de Poio nos seus primeiros paseos pola rúa está a ser tan respectuoso coas normas establecidas para tal fin, que a Policía Local ha comezado a repartir entre os menores de 14 anos uns diplomas acreditativos de cidadán exemplar.

Con estes diplomas a Concellería de Seguridade quere recoñecer o esforzo e exemplo que están a dar os pequenos, non só durante estas saídas á rúa, senón tamén durante as semanas que cumpriron o confinamento. "É un orgullo poder dicir que os veciños de Poio están a ser todo un exemplo de saber estar neste contexto tan difícil", sinalou a concelleira Marga Caldas.

Desde o domingo 27, a Policía Local non tivo que tramitar ningunha denuncia por non cumprir coas normas establecidas. Os axentes desenvolveron un operativo especial para informar á cidadanía se tiñan algunha dúbida sobre estas saídas controladas. Antonio Duarte, xefe deste Corpo destacaba que "á marxe de pequenas incidencias illadas, todo o mundo cumpriu co establecido". Lémbrase que está permitido o acceso a praias, sendas e paseos, pero que os parques infantís seguen pechados.

Xunta de goberno telemática

Doutra parte, tal e como se avanzaba, este martes 28 tivo lugar a primeira xunta de goberno vía telemática. Ata o momento, e desde que se decretou o estado de alarma, celebráronse xuntas de portavoces e comisións de seguimento do COVID19 por videoconferencia. As próximas sesións que se sumarán a este sistema de comunicación serán plenos e comisións departamentais. O Concello de Poio agradece a colaboración da Deputación que facilitou o financiamento para estes equipamentos telemáticos.