A Policía Autonómica comisa máis de nove quilos de navalla no porto de Praceres

Pontevedra
22 de xuño 2023

A aprehensión producíase o pasado 15 de xuño cando os axentes detectaban unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros nun cesto, que eran agachados na zona do aparcamento de vehículos do porto

Navallas comisadas pola Policía Autonómica
Navallas comisadas pola Policía Autonómica

Axentes da Policía Autonómica da xefatura de Pontevedra comisaban o 15 de xuño máis de nove quilos de navalla no porto de Praceres, no municipio de Pontevedra.

Os axentes comprobaron como unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros nun cesto e escondían este material na zona de aparcamento de vehículos do porto.

Unha vez que inspeccionaron o cesto, comprobaron que contiña 9,1 quilos de navalla e procedían ao seu comiso ao comprobar que se encontraban por baixo do tamaño mínimo. 

As navallas atopábanse vivas e foron devoltas ao mar nas proximidades á Illa de Tambo.

En coordinación co Servizo de Gardacostas de Galicia, a Policía Autonómica levantaba a acta por unha presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia.

Este operativo enmárcase no operativo para loitar contra o furtivismo que realiza a Policía Autonómica en colaboración coa Consellería do Mar, centrado en impedir a actividade extractiva de furtivos así como a venda, transporte e distribución do produto, sen as garantías sanitarias establecidas.