Un home de 47 anos de nacionalidade portuguesa foi identificado pola Policía Nacional de Pontevedra pola súa relación con máis de medio centenar de estafas a través dunha páxina web coas que se fixo con máis de 50.000 euros.
A investigación policial desta operación, que foi bautizada co nome de "Konto", comezou o pasado mes de agosto cando varias persoas denunciaron ser estafadas en compras de aparellos electrónicos a través de internet.
Os expertos en fraudes e estafas cibernéticas da unidade de ciberdelincuencia da Policía Nacional de Pontevedra comprobaron que os afectados compraban e pagaban diferentes obxectos que nunca recibían e cuxo diñeiro tampouco lles era devolto.
Os axentes lograron identificar o autor destas estafas, a pesar da súa gran mobilidade xeográfica tanto en territorio nacional como en países veciños.
Este home ten numerosos antecedentes policiais e foi investigado noutras ocasións por feitos similares, segundo confirmou a Policía Nacional.
As autoridades tamén conseguiron atopar a conta bancaria desde a que operaba en Francia, a pesar das técnicas que dificultaban a súa localización.
Ante este tipo de estafas, desde a Policía Nacional aconsellan extremar as precaucións ante calquera compra que se faga por internet e, entre outras cousas, comprobar os datos do vendedor e asegurarse da veracidade do anuncio.
Non se deben facilitar a través de internet copias de documentos de identidade onde aparecen datos reservados de carácter persoal como facturas de compra ou documentos de garantía, xa que poden ser usados para estafar a terceiros.
Ademais, tamén é preciso comprobar que se está realizando a compra desde un sitio seguro -cun cadeado na barra de direccións-, e utilizar plataformas intermedias de pago ou tarxetas específicas para compras online, prepago ou cun saldo reducido.