A policía de Sanxenxo incorpora un escáner de matrículas para axilizar os controis na vía pública

Sanxenxo
28 de agosto 2020

O dispositivo permite aos axentes comprobar se o vehículo ten a ITV caducada, se circula sen seguro obrigatorio ou se é un vehículo subtraído, en estado de baixa ou en orde de precinto sen ordenar ao condutor deterse

Control da Policía Local de Sanxenxo
Control da Policía Local de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A Policía Local de Sanxenxo incorpora unha nova ferramenta que lle permite axilizar os seus controis rutineiros. O novo dispositivo trátase dun lector de matrículas que se suma ao proceso de modernización emprendido polo Concello no corpo policial e que evita deter os vehículos na vía pública para solicitar e comprobar a documentación.

Estes dispositivos informan cunha alerta se ten a ITV caducada, se circula sen seguro obrigatorio ou se é un vehículo subtraído, en estado de baixa ou en orde de precinto. Estes novos escaners permitirán realizar unha listaxe ou censo de vehículos de zonas concretas nun momento determinado. Unha función moi útil cando se limita o estacionamento por actividades deportivas, relixiosas, obras ou investigacións policiais. 

Desde hai semanas a Policía Local tamén traballa na plataforma informática, Xespol, que permitirá a creación dunha base de datos con informes, partes diarios e atestados de tráfico, accidentes ou controis de drogas e alcol. Tamén posibilita a identificación de animais de compañía en caso de perda ou incidente ou unha base de datos de obxectos perdidos. A modernización supoñerá un aforro importante en papel e consumibles xa que case o 80% da documentación e informes que se realicen será en formato dixital.

Estas novas ferramentas de traballo forman parte dunha decidida aposta pola nova tecnoloxía e unha mellora na eficacia do traballo desempeñado pola Policía Local para lograr un municipio seguro e cos servizos dimensionados ás necesidades en cada momento do ano. Enmarcado dentro destes obxectivos o Concello de Sanxenxo dotou á Policía Local dun servidor onde se almacenan todos os informes e expedientes de distinto tipo tanto urbanísticas como de seguridade cidadá ou medio ambiente. 

Tamén contan con catro drons que durante este verán empregáronse para a vixilancia do aforo en praias, pero que se incorporarán ás tarefas de vixilancia e control do municipio aproveitando a formación en pilotaxe que recibiron os axentes locais.