A Policía Local agarda que o paso de La Vuelta o luns por Pontevedra incida levemente no tráfico

Pontevedra
20 de agosto 2016

Agárdase que os ciclistas procedentes de Marín pasen pola cidade entre as 13.00 e as 13.15 horas deste luns 22 de agosto. Chegarán pola rúa Rosalía de Castro e marcharán pola Ponte da Barca

Paso de La Vuelta 2014 pola cidade de Pontevedra
Paso de La Vuelta 2014 pola cidade de Pontevedra

A Volta Ciclista a España pasará por Pontevedra o vindeiro luns 22 entre as 13.00 e as 13.15 horas, segundo informa a Policía Local.

Está previsto que os ciclistas cheguen procedentes de Marín á cidade pola rúa Rosalía de Castro, a antiga estrada de Marín, para atravesar Manuel do Palacio, a avenida de Marín, San Roque, Paseo de Colón e a saída do municipios será a través da ponte da Barca por onde continuarán en dirección a Sanxenxo pola estrada da costa.

O paso do pelotón pola capital é neutralizado, de maneira que os ciclistas virán agrupados e os cortes de tráfico previstos serán breves. Pecharanse as rúas do percorrido cinco minutos antes da chegada dos corredores co obxectivo de garantir a seguridade.

Abrirase a circulación ao tráfico unha vez que pasen os ciclistas. Non se prohibirá o estacionamento, pero durante o percorrido, os vehículos que se atopen estacionados non poderán moverse ata que finalice o paso do pelotón.

A Policía Local recomenda utilizar a AP-10 para evitar a utilización do tramo entre a avenida de Marín e Fernández Ladreda, que quedarán bloqueadas ata o paso dos ciclistas.