A Policía Local controlará o aforo nos cemiterios de Sanxenxo

Sanxenxo
22 de outubro 2020

O Concello de Sanxenxo despregará un dispositivo especial anti covid para garantir as medidas de seguridade sanitaria no Día de Todos os Santos

Limpeza no camposanto de Sanxenxo
Limpeza no camposanto de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo despregará un dispositivo especial anti covid para garantir as medidas de seguridade sanitaria no Día de Todos os Santos.

Coincidindo coa xornada de maior número de visitas aos camposantos, o goberno local fai un chamamento para que se realicen de forma graduada para evitar aglomeracións durante esa xornada.

A Policía Local controlará o aforo e o cumprimento de restricións nos seis cemiterios do municipio: Sanxenxo, Dorrón, Nantes, Portonovo, Noalla e Vilalonga.

O Concello recomenda reducir o tempo de estancia no camposanto e lembra o uso obrigatorio de máscara, o mantemento da distancia social e a limitación de grupos a cinco persoas. "É fundamental para parar esta pandemia a responsabilidade individual respetando o uso de mascarilla, o distanciamento social e o lavado de mans", asegura o alcalde, Telmo Martín.

Nos cemiterios de titularidade municipal como o de Sanxenxo e o de Dorrón ampliarase o horario de apertura o Día de Todos os Santos, de 9 a 21 horas, e desdobraranse os itinerarios de entrada e saída para evitar aglomeracións nos accesos. Os baños de ambos os camposantos limparanse cada hora e media para garantir o perfecto mantemento durante unha xornada con especial afluencia aos camposantos. En distintos puntos haberá dispensadores de xeles hidroalcohólicos e colocaranse carteis nos que se lembren as medidas sanitarias obrigatorias.

Comezouse xa coa colocación da cartelería e dos valos para marcar os itinerarios dos accesos de entrada e saída de ambos os cemiterios municipais.