A Policía Local de Marín intensifica a vixilancia tras sumar xa 35 denuncias por incumprir o estado de alarma

Marín
28 de marzo 2020

Anuncian que farán máis controis e que serán "moi rectos" coa aplicación do estado de alarma e tramitarán as denuncias correspondentes cando se dean situacións denunciables en calquera punto da localidade, tanto no centro urbano como nas parroquias 

Controis da Policía Local de Marín para garantir o cumprimento do estado de alarma
Controis da Policía Local de Marín para garantir o cumprimento do estado de alarma

A Policía Local de Marín tramitou xa 35 denuncias por incumprir as normas de confinamento desde que se decretou o estado de alarma hai dúas semanas e, co obxectivo de que o número non se incremente durante os próximos 15 días, anuncia que intensificarán a vixilancia. 

Así, anuncian que farán máis controis e que serán "moi rectos" coa aplicación do estado de alarma e tramitarán as denuncias correspondentes cando se dean situacións  denunciables en calquera punto da localidade, tanto no centro urbano como nas parroquias.

Lanzan un aviso a navegantes ante a chegada da fin de semana e os días de bo tempo, pois "a propagación do virus non entende nin de calendarios nin de climatoloxía".

O Corpo policial lembra que a loita contra o coronavirus é unha tarefa de todos, "unha obriga como sociedade na que nos toca ser responsables, cívicos e cumprir con todas as medidas que se nos esixiron" para frear a curva, evitar novos contaxios e non colapsar o sistema sanitario. 

"O confinamento é a ferramenta máis eficaz que temos para iso", insisten, e fan un chamamento á cidadanía para que quede en casa "aínda que despois de 15 días nela se nos faga máis pesado.

O chamamento policial pide á cidadanía que non lle reste importancia á pandemia e ao perigo que supón para a saúde pública e lembra que se debe "reducir ao mínimo imprescindible" as saídas á rúa e que "sempre teñan unha xustificación razoable e de peso". "Se non o facemos, expoñémonos todos e, á súa vez, expoñemos aos nosos seres queridos e aos doutras familias", engaden.