A Policía Local de Marín mobilízase para acabar co absentismo escolar dixital

Marín
02 de xuño 2020

Os axentes colaborarán coa inspección educativa e cinco centros escolares poñendo en marcha o Programa Axente Titor. O obxectivo pasa por contactar con  ontactará 22 familias que presentan este problema para coñecer cal é o motivo do absentismo do alumno ou alumna e así tratar de ofrecer solucións para resolvelo

Unidade da Policía Local de Marín
Unidade da Policía Local de Marín / Diego Torrado

Internet e as novas tecnoloxías convertéronse nun aliado indispensable para o sistema educativo en tempo de coronavirus, pero a teledocencia tamén conta con casos de absentismo escolar.

É o que quere cambiar en Marín a Policía Local, que en colaboración da inspección educativa e cinco centros escolares do municipio activará o Programa Axente Titor.

O obxectivo, segundo explicaron, é tratar de contactar con aquelas familias nas que se de este problema co alumno ou coa alumna, coñecer o motivo deste absentismo e tratar de darlle unha solución para evitalo.

En total está previsto que contacten con 22 familias, tras os datos achegados polos centros educativos. Así, con dous axentes destinados a este programa, tentarán ter un contacto presencial cos afectados.

Trátase dunha iniciativa na que se traballaba para poñer en marcha o próximo curso, pero cuxa posta en funcionamento adiantouse ante os casos detectados tras a suspensión das clases a causa da Covid-19.

Ademais do absentismo escolar, o Programa Axente Titor funcionará a partir do curso que vén cubrindo outros aspectos, como a resolución de situacións de acoso, identificación de casos de consumo de drogas nos centros escolares, asesoramento e prevención en redes sociais e seguridade dixital e mellora da seguridade viaria na contorna das escolas e institutos.