A Policía Local de Poio busca os autores de varias verteduras ilegais

Poio
27 de xaneiro 2020
Actualizado: 19:11

Durante esta fin de semana axentes da Policía Local de Poio localizaron varias verteduras ilegais con material voluminoso tanto en Campelo como na Fragamoreira

Vertedura ilegal de materiais en Poio
Vertedura ilegal de materiais en Poio /

Durante esta fin de semana axentes da Policía Local de Poio localizaron varias verteduras ilegais con material voluminoso tanto en Campelo como na Fragamoreira. A Policía está a investigar os feitos.

As verteduras rexistraronse no lugar de Fragamoreira, onde atoparon preto dunha decena de pneumáticos nunha gabia. En Campelo, os axentes acharon enseres domésticos como colchóns e varios mobles, ademais da defensa dun coche.

A Policía Local alerta de que está a perseguir este tipo de infraccións que danan seriamente o medio ambiente e que conlevan gastos ao Concello para a súa recollida e tratamento.

De momento non se localizaron os responsables, pero ainda se continúa coas pesquisas para poder dar con eles. O xefe da Policía Local, Antonio Duarte, lembra que as sancións económicas ás que deben facer fronte os responsables destes verquidos achéganse ata os 100.000 euros nos casos máis graves.

A partir deste martes 28 de xaneiro, o punto limpo quedará habilitado na Praza Alfredo Romay (Samieira) ata o mércores, mentres que xoves e venres estará en Raxó, na Rúa Leopoldo Nóvoa, entre as 10.00 e as 14.00 horas. O Concello de Poio tamén dispón dun servizo de recollida de voluminosos, para elementos de gran tamaño, cunha frecuencia quincenal previa chamada ao teléfono 986 771 185. O horario de atención ao público é de 09.00 a 13.00 horas, de luns a venres.