A Policía Local de Poio conta cun novo vehículo híbrido

Poio
17 de decembro 2021

O automóbil foi adquirido con fondos propios do Concello e cunha achega do Fondo de Cooperación Ambiental. Esta adquisición redunda no compromiso da Administración local á hora de respectar o medio ambiente e reducir as emisións de carbono

A Policía Local de Poio conta cun novo vehículo híbrido
A Policía Local de Poio conta cun novo vehículo híbrido / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio conta desde hai uns días cun novo coche que serve para reforzar o seu parque móbil.

Segundo explicou a concelleira responsable da área de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, trátase dun vehículo híbrido, adquirido a través dunha axuda que o Concello tramitou ante o Fondo de Compensación Ambiental, dependente da Consellería de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

En total, o investimento realizado para a obtención deste novo vehículo, que o corpo de seguridade local empregará para realizar as súas roldas e intervencións habituais, rondou os 40.000 euros. A achega realizada pola Administración autonómica foi de 29.500 euros. 

Marga Caldas explica que coa adquisición do híbrido "cumprimos cun dobre obxectivo, xa que, por unha banda, apostamos por achegar á Policía Local un novo automóbil para que continúe realizando o seu labor nas mellores condicións, ao mesmo tempo que nos reafirmamos no noso compromiso como institución á hora de reducir as emisións e a pegada de carbono, sendo respectuosos co medio ambiente". Precisamente, este é un dos puntos que se contempla na Axenda 2030, á que está adherida o Concello de Poio.

A incorporación do vehículo realízase uns meses despois de que a Policía Local realizase unha doazón ao departamento de Servizos Sociais. Trátase dun automóbil que está destinado a labores como a realización de desprazamentos ás vivendas particualres de usuarios que precisen dalgún tipo de atención, por parte do persoal da Casa Rosada.