A Policía Local de Poio identifica un grupo de menores consumindo alcol e incumprindo as medidas de seguridade e hixiene

Poio
05 de agosto 2020

O operativo, que dará lugar a diversas sancións, produciuse o pasado luns na parroquia de Combarro, Poio. Os vinte e cinco mozos son veciños do municipio e de concellos próximos. Un deles precisou traslado a dependencias sanitarias

Operativo da Policía Local de Poio no lugar de Cidrás, parroquia de Combarro
Operativo da Policía Local de Poio no lugar de Cidrás, parroquia de Combarro / Concello de Poio

Ata vinte e cinco menores foron identificados o pasado luns 3 de agosto, en Combarro, Poio, cando se atopaban consumindo alcol nun espazo público, incumprindo ademais a normativa sobre seguridade e hixiene en vigor en relación coa COVID19. A actuación da Policía Local producíase sobre as seis e media da tarde, cando veciños do lugar de Cidrás, informaban a este Corpo da presenza dos mozos facendo botellón.

Os mozos identificados residen en bo número en concellos próximos, aínda que tamén no propio municipio de Poio. O operativo deu lugar á apertura de expedientes sancionadores; dunha parte pola práctica do botellón, prohibida pola Xunta en materia de seguridade contra a pandemia sanitaria; e igualmente ao constatarse que os menores non utilizaban máscaras, o que supón outra infracción ás normas vixentes.

Nesta intervención policial foi necesario ademais trasladar a un menor ao Hospital Montecelo, xa que se atopaba inconsciente por intoxicación etílica. Tamén se requisaron varias doses de marihuana e foron incautadas diversas botellas de alcol.

Desde a Policía Local faise un chamamento a veciños e visitantes para que se cumpran as medidas de distanciamento e o uso de máscaras para evitar contaxios. De igual forma, aconséllase á poboación a que informe, como foi este caso, de situacións semellantes á sinalada. Pola súa banda, a Concellería de Seguridade Cidadá de Poio, destaca o comportamento exemplar que está a mostrar a inmensa maioría dos cidadáns "á marxe de situacións puntuais como esta".