A Policía Local de Poio vixía que os condutores respecten os semáforos

Poio
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A campaña desenvólvese do 25 ao 31 de marzo, con multas que poden chegar aos 200 euros e retirada de 4 puntos do carné

Control da Policía Local de Poio na avenida de Andurique
Control da Policía Local de Poio na avenida de Andurique

Numerosos vehículos atravesarán as estradas de Poio durante esta Semana Santa, tanto para realizar desprazamentos polo municipio como en tránsito ata outras localidades costeiras.

Nestas datas, do 25 ao 31 de marzo, a Policía Local de Poio está levando a cabo unha Campaña de control, vixilancia e concienciación sobre os riscos de non respectar a luz vermella ou laranxa dos semáforos.

Lembran os axentes que é imprescindible que os condutores poñan atención á condución, garden a distancia de seguridade e respecten os pasos de peóns.

As multas poden chegar aos 200 euros e retirada de 4 puntos do carné. Esta sería a sanción no caso de saltarse un semáforo en vermello.

Segundo indica a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a cor laranxa fixa (ou ámbar) obriga á detención do vehículo, tendo neste caso unha validez similar ao semáforo vermello. Se a luz laranxa pestanexa débese circular con precaución.