A Policía Local de Pontevedra doará sangue para reclamar a súa equiparación salarial

Pontevedra
17 de outubro 2016

Os axentes protagonizaron este luns unha nova protesta ante as portas do Concello de Pontevedra para reivindicar a equiparación salarial con outros funcionarios municipais. Agardan que as forzas da oposición presenten unha moción sobre o seu caso no vindeiro pleno

Protesta da Policía Local de Pontevedra
Protesta da Policía Local de Pontevedra / PontevedraViva

Axentes da Policía Local volveron manifestar o seu malestar co goberno local este luns 15 levando a cabo unha protesta ás portas do Concello de Pontevedra. Reclaman unha negociación cos seus representantes sindicais para que se equipare o seu salario cos funcionarios municipais do seu mesma categoría. Levan meses insistindo na necesidade de establecer un diálogo que, segundo Antonio Millares, delegado de Comisións Obreiras, non chega a producirse.

Esperan que no próximo pleno, os grupos da oposición presenten unha moción na que se inste ao goberno local a negociar a súa situación laboral. Os distintos partidos realizaran unha visita conxunta ás dependencias da Xefatura de Policía no Pazo da Cultura e os diferentes representantes comentaran a posibilidade de estudar a presentación dunha moción individual ou colectiva no pleno deste mes sobre as distintas demandas da Policía Local.

Antonio Millares insiste en que o sistema organizativo do Concello segue sendo o do Partido Popular, aprobado antes de 1999. Desde entón, denuncian, non se realizou ningunha reforma e piden unha negociación con este colectivo independente do resto de funcionarios.

Ata que non se inicie o diálogo, os axentes continuarán desenvolvendo actos de protesta e atópanse á espera de que o Centro de Transfusión de Galicia se poña en contacto con este colectivo para que realicen unha doazón de sangue, un acto que levarán a cabo para mostrar a súa solidariedade e a unión que manteñen nas súas reivindicacións.