A Policía Local de Pontevedra, premiada polas "boas prácticas" do seu servizo de apoio e información

Pontevedra
21 de novembro 2015

A Unión Nacional de Xefes e Directivos da Policía Local (Unijepol) concedeu este ano 2015 o premio ás "boas prácticas" polo meritorio traballo dos axentes deste servizo, unha unidade de investigación e apoio ás distintas unidades da Policía Local que contribuíu de maneira moi importante á mellora da seguridade cidadá e á prevención da delincuencia

Entrega do premio ás boas práticas da Unión Nacional de Xefes e Directivos da Policía Local
Entrega do premio ás boas práticas da Unión Nacional de Xefes e Directivos da Policía Local / Policía Local de Pontevedra

A Policía Local de Pontevedra foi premiada por quen máis saben do bo facer profesional, o propio sector ou, màs concretamente, a Unión Nacional de Xefes e Directivos da Policía Local (Unijepol). A agrupación concedeulle este ano 2015 o premio ás "boas prácticas" ao servizo de apoio e información do Corpo pontevedrés. 

O premio ás "boas prácticas" concedeuse polo meritorio traballo dos axentes deste servizo e entregouse nun acto en Madrid o pasado 12 de novembro. A recoller o premio acudiron os catro policías do grupo, un inspector e tres axentes.

O servizo de apoio e información da Policía Local é unha unidade de investigación e apoio ás distintas unidades da Policía Local que contribuíu de maneira moi importante á mellora da seguridade cidadá e á prevención da delincuencia, obtendo importante éxito no seu labor en operativos de distintos ámbitos, entre eles a loita contra o tráfico de drogas nas contornas de colexios e espazos de lecer ou as estafas a seguros. 

Esta unidade policial, creada hai dez anos, destaca pola súa colaboración e cooperación con outros corpos policiais como o Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil, todo en prol da seguridade da poboación de Pontevedra, con operativos que nos últimos días permitiron logros policiais como o peche do coñecido bar Ríos da rúa Real por permitir o trapicheo e consumo de drogas e o precinto de varios locais de lecer por estes mesmos motivos. Son tamén os responsables dos operativos contra o trapicheo que nos últimos tempos permitiron desmantelar varios puntos de subministración de estupefacientes no centro histórico e a contorna da Ferrería.

Algún dos operativos máis relevantes desenvolvidos por este grupo policial nos últimos anos foron a operación Boquerón, que no ano 2007 permitiu á Garda Civil desarticular unha banda organizada de orixe magrebí que robaba vehículos de alta gama para logo trasladalos a Marrocos para a súa venda; ou a operación Poza, tamén iniciada pola Policía Local de Pontevedra e que derivou na detención dun grupo organizado dedicado ao branqueo de capitais que estafa a compañías de seguros. 

A operación Gaivota contra o trafico polo miúdo de drogas da Udyco da Policía Nacional -con 27 detidos-; o caso Volusia que desarticulou un punto de venda de drogas no poboado chabolista do Vao e permitiu a detención de 19 persoas no ano 2006; ou a operación Garabata contra un clan familiar do Vao no que se detivo a 12 persoas son outras das intervencións máis soadas deste servizo policial pontevedrés. 

A Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local (Unijepol) é unha asociación de carácter nacional que agrupa a xefes e mandos das policías locais e a outros directivos e técnicos que traballan ou teñen competencias profesionais relacionadas coa seguridade local.