A Policía Local de Sanxenxo tacha de "falsidades" as acusacións de traballar menos horas das establecidas por lei

Sanxenxo
16 de maio 2020

Nun comunicado difundido polo sindicato Comisións Obreiras, aseguran que o sistema de quendas de traballo púxose en marcha na anterior etapa de alcalde de Telmo Martín

Patrullas da Policía Local de Sanxenxo
Patrullas da Policía Local de Sanxenxo / Diego Torrado

A través dun comunicado difundido polo sindicato Comisións Obreiras, en nome do seu secretario de organización en Pontevedra Xosé Luís García Pedrosa, a Policía Local de Sanxenxo defendeuse das recentes acusacións do Concello sobre a situación dos seus axentes, aos que se lles acusaba de traballar menos horas das establecidas por lei.

En primeiro lugar Pedrosa, que nega esta situación, asegura que o sistema de quendas de traballo da Policía Local de Sanxenxo foi posto en marcha na anterior etapa de alcalde de Telmo Martín, polo que en caso de irregularidades "non habería ningún outro responsable que o propio goberno local".

Segundo este comunicado o problema radica no persoal que pretende agora realizar un reconto da xornada laboral limitándose a constatar "cantas horas están rexistradas no ficheiro, sen computar como efectivamente traballadas as horas de descanso por traballar en domingos, festivos ou en reforzos de servizo, que como non se pagan hai que compensalas con tempo libre", sinala Comisións Obreiras.

Por este motivo tanto o sindicato como o persoal consideran "falsidades" as acusacións, mostrándose o responsable sindical moi critico co concelleiro de Seguridade, Jaime Leiro, ao que acusa de permanecer "en paradoiro descoñecido en todo este tempo do estado de alarma, mentres os membros da Policía Local estivemos prestando servizo á  cuidadanía  presencialmente".