A Policía Local fórmase en diversidade sexual e de xénero para combater a LGTBIfobia

Pontevedra
27 de novembro 2019

Durante as tres horas que durou o curso, Ada Otero instruíu aos axentes sobre a diversidade sexual e de xénero, o colectivo LGTBI, o significado de cada unha das siglas, os prexuízos que derivan en LGTBIfobia e as problemáticas ás que se enfrontan na actualidade, especialmente as que rematan en agresións

Ada Otero imparte un curso sobre LGTBIfobia na Policía Local
Ada Otero imparte un curso sobre LGTBIfobia na Policía Local / Concello de Pontevedra

Vinte persoas participaron este mércores no curso sobre LGTBIfobia e delitos de odio que a activista trans Ada Otero impartiu na aula de formación da Policía Local de Pontevedra.

Este curso, que formaba parte do programa municipal Pinto e Maragota, pretendía servir para formar os axentes da Policía Local no tratamento ás vítimas destes episodios de odio que se producen contra as persoas con diversidade sexual.

Na xornada formativa abordáronse problemáticas como a situación xurídica do colectivo LGTBI, os prexuízos, o tratamento nos medios de comunicación, a situación das agresións LGTBIfóbicas ou as actuacións das autoridades fronte as estas denuncias.

A sensibilización dos axentes policiais nestas cuestións é fundamental, segundo os organizadores, para que as vítimas reciban un axeitado tratamento.

Durante as tres horas que durou o curso, Ada Otero instruíu aos axentes sobre a diversidade sexual e de xénero, o colectivo LGTBI, o significado de cada unha das siglas, os prexuízos que derivan en LGTBIfobia e as problemáticas ás que se enfrontan na actualidade, especialmente as que rematan en agresións,

Otero, que é avogada de formación, abordou tamén a desprotección xurídica que padece este colectivo, a inapropiada cobertura e difusión que se fai en comunicados e medios de comunicación, as actuacións que deben seguirse ante agresións LGTBIfóbicas ou as denuncias e as especificidades da realidade trans.

A activista considera que este curso permite que os axentes, que se poden atopar con estas problemáticas no desempeño das súas funcións, coñezan esta situación e saiban como afrontar estes casos cando se produzan.