A Policía Local intensificará a súa vixilancia no centro de Rexurdir da rúa Cruceiro no que se presta servizo a persoas sen fogar e con condutas adictivas. Esta medida adoptada pola concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, chega despois das queixas da comunidade de propietarios deste edificio que puxeron en coñecemento do goberno local a reunión de numerosos usuarios cada mañá neste local infrinxindo as normas do decreto de estado de alarma.
"Tómanse a broma esta situación, permanecendo en grupos fumando, bebendo e gritando ás portas do citado local coma se fose o seu club particular", denuncia a presidenta da comunidade de veciños, Carmen Alonso. A propietaria critica tamén a actitude do persoal do centro, "que permite e patrocina estas situacións ao non impoñer un mínimo de disciplina".
Do malestar dos veciños e do comportamento dalgúns dos usuarios do centro de día de Rexurdir xa están ao tanto no Concello. "Están avisados de que aquel que incumpra as normas ou se porte mal terá vetada a entrada ao centro", remarca Paloma Castro, que comprende o enfado veciñal. "A ninguén lle gusta ter na porta da súa casa un servizo como este, xa lles deixamos claro que non poden alterar a vida da xente", insiste a edila. Actualmente, os usuarios de Rexurdir acoden ao local para recibir comida e roupa limpa en horario de 9 a 14 horas.
Co obxectivo de facer cumprir as medidas de confinamento e redución ao máximo do contacto entre persoas para previr novos contagios, o departamento de Benestar Social e a comunidade de propietarios alcanzaron un acordo consistente na intensificación da vixilancia por parte da Policía Local e no rápido despregamento de patrullas nesta rúa no momento en que os veciños avisen de que se están producindo reunións de máis de dous usuarios.
"Tense chamado á Policía Local pero cando aparecen, métense dentro ata que se van e noutras ocasións nin sequera aparece a citada policía", lamentaban os veciños antes de contactar co executivo municipal.
A semana anterior, os axentes tiveron que acudir ao local de Rexurdir para mediar nunha discusión entre un grupo de usuarios. No Concello admiten a dificultade das autoridades para facer cumprir as normas por parte deste colectivo, pero comprométense a realizar un esforzo extra, a pesar de que estes días a Policía Local "ten moito traballo", para garantir o benestar da veciñanza e facer cumprir as normas da corentena.