A Policía Local resolveu 35 casos en 2014 a través da mediación veciñal

Pontevedra
03 de abril 2015

Os veciños recorreron a este sistema de intermediación en 57 ocasións en 2014 co obxectivo de lograr unha resolución máis fácil dos conflitos entre particulares

Axentes da Policía Local de Pontevedra
Axentes da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

O servizo público de mediación que presta a Policía Local de Pontevedra dende o 30 de maio de 2013 saldouse durante 2014 con 57 intervencións, entre as que se resolveron 34 conflitos.

A Policía Local, a través dun comunicado, sinala a importancia deste proceso de Mediación Comunitaria Policial (MECOP) para evitar un conflito ou para desactivalo cando xa se iniciou. Entre os casos que se produciron no concello pontevedrés durante 2014, en 2 ocasións rexeitouse esta intervención policial, en 6 non se puido resolver o caso, en 4 non se logrou mediar mentres que aínda hai 10 asuntos en tramitación.

Desta forma, o 60% das disputas en que a Policía Local mediou logrouse unha solución que as partes aceptaron. Segundo se expón no comunicado policial, moitas veces as situacións de enfrontamento prodúcense por casos de pouca importancia na que se mestura unha alta dose de orgullo e amor propio, que remata por deteriorar as situacións de convivencia ata derivar, en ocasións, na comisión de delitos como ameaza, coaccións, lesións ou delitos contra a integridade moral.

A Policía só pode actuar por requirimento dunha das partes e a outra acepta este sistema. Os axentes que interveñen forman parte dun grupo especializado dentro do corpo cun protocolo de actuación nas mediacións. Para a resolución destes conflitos establécese a paciencia como aspecto fundamental xunto ao interese leal de resolver o enfrontamento ata o punto de esgotar todas as posibilidades.

Dos casos tratados, 29 tiñan que ver con problemas comunitarios relacionados con ruídos, tendidos ou presenza de cans. Tras estas incidencias, 15 derivábanse de malas relacións entre veciños ou familiares. Os trece casos restantes correspondían a situacións afectadas por dereitos de paso, separación de predios ou aluguer de vivenda.