A Policía Local súmase durante a próxima semana á campaña de control de velocidade da DXT

Pontevedra
14 de abril 2018

Do luns 16 ao domingo 22 de abril intensificaranse os controis de velocidade no centro urbano de Pontevedra, segundo anunciou a Policía Local

Estrea do novo radar da Policía Local
Estrea do novo radar da Policía Local / Mónica Patxot

Dende o vindeiro luns 16 de abril e ata o domingo día 22 intensificaranse os controis de velocidade no centro urbano de Pontevedra e no seu termo municipal.

Así o confirmou a Policía Local, que se sumará así á campaña da Dirección Xeral de Tráfico e que nesta ocasión traspasa fronteiras xa que se vai a levar a cabo en diferentes países de maneira simultánea.

A Policía Local usará o radar adquirido a finais de 2017 para controlar especialmente que se cumpra a velocidade de circulación na zona 30.

Na última campaña similar levada a cabo polo corpo de seguridade cidadá municipal, do 29 de novembro ao 8 de decembro do pasado ano, realizáronse un total de 20 controis chegando a denunciar a 40 condutores dos 3.856 vehículos controlados.

Superar a velocidade permitida nunha zona limitada a 30 quilómetros/hora pode supoñer sancións de 100 euros no caso de non chegar ao 50 km/h, 300 euros e retirada de 2 puntos do carné de conducir ata o 60 km/h, 400 euros e 4 puntos ata o 70 km/h, 500 euros e 6 puntos do carné ata o 80 km/h e por último, como sanción catalogada como moi grave, 600 euros e retirada 6 puntos do carné en caso de superar o 80 km/h.