A Policía Local terá "especial coidado" para que bicicletas e patinetes non circulen por beirarrúas

Pontevedra
19 de xaneiro 2021

De 200 a 500 euros. É a contía das sancións que poden recibir os usuarios de bicicletas e vehículos VMP que non cumpran coa ordenanza de mobilidade de Pontevedra. Tras un período informativo, a Policía Local reforzará a vixilancia para detectar aos infractores

Patinete circulando polas rúas de Pontevedra
Patinete circulando polas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

De 200 a 500 euros. É a contía das sancións que poden recibir os usuarios de bicicletas e vehículos VMP que non cumpran coa ordenanza de mobilidade de Pontevedra. Tras un período informativo, a Policía Local reforzará a vixilancia para detectar aos infractores.

A edil de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, anunciou este martes que os axentes municipais aumentarán o "rigor" nos seus controis para que se cumpran as novidades normativas que recolle esta ordenanza de mobilidade.

"Que os usuarios sexan conscientes", sinalou Vilaverde, que a partir de agora terase "especial coidado" para evitar que as bicicletas e os VMP, entre eles os patinetes, circulen polas beirarrúas, pasos de peóns, parques e xardíns ou zonas exclusivamente peonís.

Deberán facelo sempre pola calzada, respectando a velocidade máxima do tráfico e nunca en sentido contrario á circulación. Nas zonas de coexistencia e plataforma única non poderán superar a velocidade dun peón.

Durante 2020, a Policía Local soló multou a tres persoas polos supostos que recolle esta normativa. Todos eles, segundo a concelleira nacionalista, foron "situacións fragrantes".

En marzo, unha bicicleta saltou un semáforo en Rosalía de Castro. En maio, foi multado o usuario dunha bicicleta por circular pola beirarrúa en Eduardo Pondal. E en outubro, o condutor dun patinete foi sancionado con 1.000 euros por circular ebrio pola Praza da Verdura.

A partir de agora, especialmente tras a entrada en vigor da nova normativa de Tráfico, que tamén regula a circulación destes vehículos, a Policía Local recibiu o encargo de facer cumprir a ordenanza municipal de mobilidade para "garantir a convivencia" na cidade.

De fronte ao futuro, o goberno municipal estuda realizar algunha campaña de control sobre os 'riders' ou servizo de repartición a domicilio. Trátase, segundo Eva Vilaverde, dunha "nova realidade" que as autoridades "debemos ter en conta" para ordenar a mobilidade.