A Policía Nacional localiza tres menores fuxidos dun centro durante as Festas da Peregrina

Pontevedra
25 de agosto 2017

A Policía Nacional de Pontevedra estableceu durante as pasadas Festas da Peregrina un dispositivo de prevención para garantir a seguridade cidadá. O dispositivo desenvolveuse sen incidencias relevantes a pesar da gran afluencia de público rexistrada

Control das policías Local e Nacional nas xornadas de peñas en Pontevedra
Control das policías Local e Nacional nas xornadas de peñas en Pontevedra / Policía Nacional de Pontevedra

A Policía Nacional de Pontevedra, do mesmo xeito que a Policía Local, estableceu durante as pasadas Festas da Peregrina un dispositivo de prevención para garantir a seguridade cidadá. Terminados os festexos, fai balance e acaban de saír á luz datos como que os axentes localizaron a tres menores que se fuxiron dun centro público da localidade. Tras atopalos, devolvéronos ao seu centro. 

Segundo informou a Policía Nacional, o dispositivo desenvolveuse sen incidencias relevantes a pesar da gran afluencia de público rexistrada. 

Durante o tempo que durou este operativo, os axentes do Grupo Operativo de Resposta (GOR) da Policía Nacional identificou a 404 persoas e realizou controis a 21 vehículos

Ademais, levantaron dúas actas de infracción a persoas por tenencia e posesión sustancias estupefacientes, sete actas por tenencia/porte armas e dúas por desobediencia a axentes da autoridade.

A Policía Nacional tamén detivo unha persoa por infracción á Lei de Estranxeiría e a dúas persoas máis porque tiñan en vigor unha reclamación xudicial de detención por diversos motivos. Todos eles foron postos a disposición xudicial.