A loita contra os incendios e a seguridade dos peregrinos tamén se fai dacabalo. Desde este sábado, patrullas da Unidade de Cabalería da Policía Nacional percorren a provincia para axudar en ambos os obxectivos.
En total, desprazáronse nove policías cos seus correspondentes cabalos para encargarse da provincia. Chegaron este venres e desde este sábado xa se lles ve realizando patrullas.
En concreto, durante a mañá percorreron tramos do Camiño de Santiago pola parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio ou polo centro de Pontevedra. Tamén percorreron tramos máis rurais do camiño para prestar servizo dando auxilio e seguridade aos peregrinos.
Ambas as campañas de seguridade centradas na prevención de incendios e o apoio aos peregrinos desenvolveranse durante dous meses, ata o próximo 1 de setembro.
Ata Pontevedra desprazáronse unidades de Cabalería de Madrid ou Sevilla, así como da Brigada central.
Os obxectivos operativos das Unidades Especiais de Cabalería, como órganos móbiles da Seguridade Pública coa misión de actuar en todo o territorio nacional, son as patrullas proactivas e a actuación reactiva alí onde sexan requiridas.
A cabalería policial é idónea para a prevención, mellorando os niveis de seguridade nas súas zonas de actuación. En colaboración con outras unidades, reforza sensiblemente calquera dispositivo.
Xeralmente a patrulla de cabalería asóciase a lugares dificilmente accesibles a vehículos (parques, xardíns, praias, etc.), así como a grandes aglomeracións, onde pola súa posición elevada teñen unha mellor observación da contorna, á vez que se constitúen en punto de referencia.