A ponte da Barca estará lista en dúas semanas

Pontevedra
26 de febreiro 2019

A obra consistiu en dúas fases diferenciadas, a substitución da marquesiña de madeira e a reparación localizada da parte estrutural da ponte garantindo unha  durabilidade de non menos de 25 anos. O director da obra recoñece que desmontar a estada levará máis tempo, pero apunta que é irrelevante para o tráfico

Visita dos operarios ás obras da ponte da Barca
Visita dos operarios ás obras da ponte da Barca / Mónica Patxot

O director da obra da ponte da Barca e Xefe do Servizo de Seguridade Viaria e Conservación, José Enrique Pardo Landrove, visitou este martes os traballos da ponte e confirmou que "si el tiempo aguanta, en un par de semanas se deberían acabar" o que implicará que a ponte podería abrirse ao tráfico, pechado desde o día 11 de febreiro.

José Enrique Pardo recoñeceu que "el desmontaje del andamio llevará más tiempo pero es irrelevante para las cuestiones de tráfico".

O proxecto consistiu en dúas fases diferenciadas. Unha delas foi a substitución da marquesiña de madeira que estaba deteriorada con tramos de tellado que voaran e que xa está practicamente terminada. Por outra banda, realizouse a remodelación na parte estrutural da ponte da Barca. Neste segundo tramo, realizouse"una reparación muy localizada" tendo que acceder aos puntos de oxidación que se detectaron previamente.

A maiores desa reparación, fíxose un repintado completo da ponte con pintura especial de anticarbonatación e anticloruros para axudar á protección do formigón, ademais dunha melloría industrial na madeira con respecto á que estaba anteriormente, polo que se garante unha durabilidad de "no menos de 25 años", concluíu.

Con respecto ás beirarrúas, a remodelación non estaba incluída como reparación estrutural pero reparáronse as fochancas e deformacións máis importantes, ademais de engadirse unha nova capa de pintura nelas.