A ponte do Burgo, pechada ao paso de peóns desde o luns

Pontevedra
06 de xullo 2019

O Concello anunciou o peche da ponte ao paso de peóns desde o día 8 de xullo para avanzar coas obras de rehabilitación e poder cumprir cos prazos establecidos. Isto obriga a desviar o Camiño de Santiago cara á ponte das Correntes 

Prototipo da varanda para a ponte do Burgo
Prototipo da varanda para a ponte do Burgo / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra anunciou que a partir do próximo luns 8 de xullo a ponte do burgo quedará pechada ao tránsito peonil.

Esta decisión débese á necesidade de axilizar os traballos de renovación da ponte para cumprir os prazos establecidos no proxecto, requisito indispensable ao estar financiado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable ( EDUSI).

O ritmo da obra, explican, obriga ao peche xa que esta previsto comezar a instalar a lastra de pedra en toda a plataforma da ponte, polo que se quere evitar que o paso de persoas dane as pedras recentemente colocadas.

Paralelamente tamén se retirará toda a varanda actual para instalar a nova, polo que haberá momentos os que non se dispoña de proteccións laterais para axilizar os traballos, o que faría perigoso o paso de peóns. Esta varanda, defende o goberno local, cumprirá a normativa actual de seguridade, algo que a actual non facía, e buscará unha maior visibilidade da infraestrutura.

O peche da ponte obrigará a desviar provisionalmente o Camiño de Santiago cara á ponte das Correntes antes de volver ao percorrido habitual na  Santiña. Por este motivo a empresa concesionaria das obras informará a veciños e albergues de peregrinos.

Segundo informa o Concello, nesta fase da renovación tamén se instalará a iluminación, que será tripla: por unha banda farase unha iluminación superficial encaixada no propio pavimento formada por unha gran cantidade de puntos de luz de baixo consumo creando a sinalización do Camiño; unha segunda actuación será dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais; e a terceira é a substitución da actual iluminación en altura por outra de menor intensidade e enfocada á superficie peonil.