A pontevedresa detectada en patinete pola AP-9 xustifica que se "desorientou"

Pontevedra
07 de outubro 2019

Os axentes preguntáronlle o motivo de que circulase pola autoestrada e ela explicou que "se despistó, entró en la autopista y ya optó por seguir por el sitio más cercano", de modo que, en lugar de saír da vía, seguiu circulando. En total, percorreu uns dous quilómetros. O seu comportamento supoñerá unha sanción de 100 euros 

Teniente Juanjo López Castro, do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra
Teniente Juanjo López Castro, do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra / Cristina Saiz

A veciña de Pontevedra de 36 anos detectada este domingo mentres circulaba en patinete eléctrico pola autoestrada AP-9 xustificouse ante os axentes do destascamento de Tráfico da Garda Civil que a localizaron explicando que se "desorientou" e por iso entrou, por erro, nesta vía de alta velocidade. 

Así o revelou este luns o tenente Juanjo López Castro, do subsector de Tráfico de Pontevedra. Os axentes preguntáronlle o motivo de que circulase pola autoestrada e ela explicou que "se despistó, entró en la autopista y ya optó por seguir por el sitio más cercano", de modo que, en lugar de saír da vía, seguiu circulando. 

Este luns coñecéronse máis detalles deste incidente, tales como que a muller chegou a circular dous quilómetros pola AP-9. Incorporouse por unha pequena incorporación situada en Lourido (Poio) e, tras circular un pequeno tramo en dirección a Vigo, atravesou a mediana e cambiou de sentido para circular cara ao acceso á cidade de Pontevedra polo Nó de Bombeiros. En total, percorreu uns dous quilómetros ata que foi interceptada despois de cruzar a ponte da Ría, nas proximidades da Comandancia de Pontevedra, a poucos metros da saída. 

Tráfico tivo coñecemento da presenza da muller na autoestrada polo aviso de testemuñas e unha patrulla motorizada que se atopaba nas inmediacións desprazouse ata o lugar. Ao chegar, sinalizaron a incidencia e entrevistáronse coa muller, que lles explicou que a súa intención era acudir á praza de abastos de Pontevedra

Respecto diso, resulta curioso que, para ir desde Lourido á praza pontevedresa se metese pola autoestrada, pois chegaría de forma máis rápida e directa por estrada. Ela xustifícase apelando a que se desorientou. 

Segundo destacan desde Tráfico, coñecía as normas de circulación e que non podía circular pola autoestrada, pois conta cun carné de conducir motocicletas. Ademais, os axentes sometérona á proba de consumo de alcol, na que deu resultado negativo.

A pesar do perigo do seu comportamento ao circular de forma errática pola autoestrada, o seu comportamento tan só supuxo unha denuncia pola vía administrativa que supoñerá unha sanción de 100 euros. O tenente Juanjo López Castro explica que se debe a que é sancionada como peón, non como condutora.

Os feitos ocorreron sobre as 9.45 horas deste domingo, unha hora á que, afortunadamente, non había moito tráfico pola autoestrada, de modo que non chegou a xerar situacións reais de perigo. O tenente Juanjo López lembra que a súa acción podería acabar na vía penal "si hubiera algún riesgo en concreto contra otro conductor o usuario". Non foi este caso

Así, destaca o "riesgo que pudo concurrir" e o perigo asociado a este tipo de condutas e aproveitan a "oportunidad pedagógica" que se lles brinda a situación xerada para lembrar que os patinetes eléctricos, considerados Vehículos de mobilidade persoal (VMP), están concibidos para vías urbanas e o seu uso non está permitido para vías interurbanas e, menos de alta capacidade.  

Unha vez que os axentes de Tráfico déronlle o alto, pediuse axuda a outra patrulla, neste caso xa nun vehículo de catro rodas, para que sacase á muller do lugar. Os efectivos da Garda Civil levaron á muller ata o seu destino e entregáronlle o patinete.