A popular Pepa Pardo critica a política da presidenta da Deputación por "confrontar" coa Xunta

Pontevedra
29 de xullo 2019

A voceira do PP lamenta que o goberno da institución provincial destine 20.000 euros a un bufete de avogados externo para que dea os primeiros pasos da demanda xudicial contra o goberno galego pola falta de atención ao Pazo de Lourizán 

Pepa Pardo, do PP, nun pleno da Deputación de Pontevedra
Pepa Pardo, do PP, nun pleno da Deputación de Pontevedra / Cristina Saiz

Pepa Pardo, deputada provincial do Partido Popular, amosou o seu malestar porque o goberno bipartito da Deputación decidira no pleno de xullo presentar un recurso contencioso-administrativo nos xulgados contra a Xunta para reclamar a mellora dos edificios nobres e da finca de Lourizán.

Para Pardo queda moi claro que Carmela Silva, presidenta da Deputación, pretende "confrontar, confrontar e confrontar" ao ter adoptado como primeira medida deste mandato levar á Xunta a xuízo.

Denuncia que a Deputación vai gastar case 20.000 euros nun bufete externo de avogados para que inicie a demanda xudicial. E sinala que sería máis útil que gastasen eses cartos en rehabilitar o Pazo de Lourizán como propietarios, alegando que así é como o establece a Lei de Rehabilitación de Galicia, malia o convenio asinado entre as dúas institucións en 1991 onde se fixaba que a conservación correspondía á administración autonómica.

"O Pazo non pode ser unha moeda máis para que o bipartito ataque á Xunta", afirma Pepa pardo que sinala que o PSOE e o BNG teñen cargo de conciencia por non ter executado obras e proxectos na Finca de Lourizán e fai referencia a cando ámbalas agrupacións gobernaban na Xunta e decidiron "parar" o proxecto do PP para que o inmoble de Lourizán se convirtira na sede do Parque Nacional Illas Atlánticas.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora