A praia de Cabeceira acollerá unha xornada de recollida de lixo

Poio
26 de marzo 2023

Na iniciativa, que forma parte da campaña ‘Herdanza Mater: RE-MAR’ participarán integrantes da Asociación Amicos e estudantes de diferentes centros educativos do municipio

Presentación da xornada de recollida de lixo na Praia de Cabeceira
Presentación da xornada de recollida de lixo na Praia de Cabeceira / Concello de Poio

A iniciativa ‘Herdanza Mater: RE-MAR’ chega a Poio para traballar en favor da conservación da natureza en espazos protexidos e dar visibilidade e poñer en valor o labor, as aptitudes e a capacidade de persoas que padecen algún tipo de discapacidade.

Será cunha recollida de residuos plásticos na praia de Cabeceira, en Lourido, na que participará alumnado de diferentes centros educativos do municipio, así como membros da Asociación Amicos. 

As concelleiras responsables das áreas de Educación e Deportes, Raquel Rodríguez e Marga Caldas, presentaron esta actividade que terá lugar o vindeiro 20 de abril, a partires das 11.00 horas, e servirá para conmemorar o Día Internacional da Terra. 

Os dirixentes municipais lembraron que esta iniciativa dá continuidade á colaboración existente entre o Concello e este colectivo.

A iniciativa dividirase en tres partes. A primeira consistirá nun estudo da zona, a través do cal analízanse cuestións como o tipo de residuos existentes, a accesibilidade e a catalogación das zonas de actuación. Posteriormente, procederase á retirada de plásticos para, finalmente, promover a sensibilización e concienciación ambiental a través do xogo ‘RE-MAR’.

Raquel Rodríguez e Marga Caldas subliñan que o compromiso do Concello é "continuar promovendo e xerando novas oportunidades para que as persoas con discapacidade poidan integrarse na sociedade e realizar un proxecto de vida completo".