A praia fluvial de Cerdedo buscar dar un salto de calidade

Cerdedo Cotobade
30 de agosto 2023

Ata 400.000 euros prevé investir o Concello de Cerdedo-Cotobade nun dos proxectos máis ambiciosos para este mandato, o de converter a praia fluvial de Cerdedo nun referente medioambiental, deportivo e turístico para todo o municipio

Praia fluvial de Cerdedo
Praia fluvial de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Ata 400.000 euros prevé investir o Concello de Cerdedo-Cotobade nun dos proxectos máis ambiciosos para este mandato, o de converter a praia fluvial de Cerdedo nun referente medioambiental, deportivo e turístico para todo o municipio.

A actuación, que contempla a dotación dun área de caravanas, zona lúdica e unha senda peonil conectada coa ruta Cabenca-Cavadosa, está xa a exposición pública. Haberá un prazo de dous meses para presentar alegacións a este proxecto.

O plan especial de infraestruturas e dotacións subliña que o goberno local pretende crear unha gran área de lecer ao aire libre na praia fluvial de Cerdedo e na súa contorna, emprazada ao carón da localidade e aos pés do Monte Seixo.

O executivo dirixido por Jorge Cubela, que traballa nesta idea dende tempo, pretende reordenar e mellorar todos os espazos existentes na praia fluvial, que xa é un dos principais puntos de interese turístico do municipio e unha zona de baño moi concorrida por veciños e visitantes. 

Ademais, tamén se pretende a construción de diversas infraestruturas e servizos de lecer, integrados na contorna e respectando o seu valor ambiental, vencellados ao deporte, ao mundo da caravana e o cámper, os xogos e aos hábitos saudables.

O proxecto completaríase, posiblemente, con algunha senda que permita conectar e percorrer toda esta área e con espazos e servizos de hostalaría.

Cubela, explicou que este proxecto "é moi ambicioso", pero confía no seu potencial porque "se trata dunha zona privilexiada polas súas características e que conta cun elevado tirón e ademais o proxecto encaixa na nosa folla de ruta de apostar polo turismo, o medio ambiente e a paisaxe".