A praza da Estrela, regulada cun límite máximo de 30 veladores

Pontevedra
14 de xuño 2018

Pontevedra conta con 1.907 veladores que aportan ás arcas municipais máis de 205.759 euros, segundo o padrón elaborado polo Concello durante este ano. Tamén se regularon as instalacións de terrazas das rúas Cruz Gallástegui e de Augusto García Sánchez

Nova instalación de veladores na praza da Estrela
Nova instalación de veladores na praza da Estrela / Mónica Patxot

Pontevedra conta con 1.907 veladores rexistrados, que pola instalación de mesas abonan máis de 205.750 euros neste 2018 ao Concello de Pontevedra.

A concelleira responsable desta área, Anabel Gulías, explicaba estes datos e anunciaba este xoves que o goberno local xa iniciou a posta en marcha da modificación da ordenanza de veladores aplicándoa a tres casos nos que se rexistraban situacións conflitivas: a praza da Estrela, Cruz Gallástegui e a avenida Augusto García Sánchez, en Campolongo. Estas iniciativas van ser levadas á Xunta de Goberno do vindeiro luns.

A concelleira de Promoción da cidade indicaba que na praza da Estrela rexistrárase un conflito pola ocupación dese espazo entre a cafetería Carabela e o local Meigas Fóra. O Concello limitou agora o número de mesas a 30, de forma que o Carabela terá 20, fronte ás 40 que tiña na repartición inicial, mentres que o Meigas Fóra contará cunha decena, aínda que xa non poderá instalar mesas na entrada da rúa Figueroa nin en San Román. Déixanse corredores de 1,80 metros entre as mesas de forma que poidan acceder sen dificultade os paseantes e as persoas con mobilidade reducida.

O criterio que se establece para a distribución, segundo explicou Anabel Gulías, establécese a partir da análise do espazo no que se sitúan os veladores, do estudo do número total de mesas que se poden instalar para distribuír entre os hostaleiros que soliciten terraza en función dos metros cadrados que o establecemento teña de fachada.

Na rúa Cruz Gallástegui tamén se levou a cabo a repartición co obxectivo de que se convertan nun elemento disuasorio para os condutores que quixesen estacionar nesta vía. Desde o Concello autorízase a instalar veladores a catro locais de hostalería de maneira que poden colocar oito mesas nos dous primeiros establecementos da rúa desde Sagasta, mentres que os dous últimos poderán instalar seis cada un.

En Augusto García Sánchez, en Campolongo, tamén se regularizou a terraza do restaurante Román. Neste caso, non se poderán instalar veladores diante da fachada mentres que no lateral do restaurante poderanse establecer sete veladores sen ocupar a zona de xardín.

A concelleira aclarou que a modificación da ordenanza de veladores atópase en funcionamento e que atenderán a estes criterios para regular outros espazos de terrazas que resulten conflitivos. Gulías agradecía a colaboración dos empresarios da hostalería e alertou de que se inspeccionarán os veladores para comprobar que se cumpre coa normativa.