A gran árbore decorativa de Nadal, que nos últimos anos encabezaba a iluminación pontevedresa desde A Ferrería, cambia de localización este ano mudándose á Praza de España. Esta árbore, de 30 metros de altura e gran polo de atracción para veciños e visitantes durante as festas, deixará paso na Ferrería a unha decoración específica coa que se pretende dar un protagonismo especial á praza.
Así o confirmou este sábado o Concello de Pontevedra, anunciando á súa vez que o aceso da iluminación producirase o venres 3 de decembro.
En canto ao resto dos adornos, que levan varias semanas sendo colocados en diferentes puntos da cidade, o goberno local ten previsto iluminar 83 rúas e prazas, as mesmas que en 2020, ademais das avenidas de Corvaceiras e Uruguai desde a ponte do Burgo ata San Roque, outra das novidades este ano.
Ademais dos arcos de luz, bólas xigantes, árbores de Nadal ou mantos leds, a concellería de Festas, en colaboración co Centro Comercial Urbano Zona Monumental, complementará a decoración con outra propia das datas en distintos puntos da cidade, tamén con algunhas "sorpresas", avanzan, que se irán desvelando durante os próximos días.
En canto aos elementos especiais, está prevista a instalación dunha árbore de 10 metros na praza de Méndez Núñez, un manto de luz na Praza da Leña ou bólas xigantes en Daniel da Sota, a praza da Audiencia Provincial, Monte Porreiro e por primeira vez tamén na Praza da Peregrina, outro dos puntos neurálxicos do centro urbano.
Tamén se iluminarán o Teatro Principal, o Pazo da Cultura, a Casa do Concello ou o edificio administrativo de Michelena 30, así con árbores na praza de San Xosé ou no cruzamento de Eduardo Pondal con Uxío Novoneira e O Gorgullón, e instalaranse almendros de luz en Barcelos, A Parda e a praza do Hospital Provincial.
Serán en total máis de 530 elementos nos que se investirá unha cantidade próxima aos 132.000 euros.