A Praza de Galicia de Vilagarcía será escenario da campaña 'E ti que pintas contra os malos tratos?'

O Salnés
24 de novembro 2014

Este martes 25-N, Día Contra os Malos Tratos, Vilagarcía tamén realizará un acto coa lectura pública do Manifesto do Consello Local da Muller a mediodía no Concello

Praza de Galicia en Vilagarcía
Praza de Galicia en Vilagarcía /

Vilagarcía manifestará este martes 25-N a súa repulsa aos actos de violencia de xénero a través da Área de Igualdade do Concello e do Consello local da Muller dentro das accións previstas para sensibilizar a poboación sobre a necesidade de loitar contra os malos tratos dende todos os ámbitos. O acto deste martes será no Concello a partir das 12.00 horas e consistirá na lectura pública do manifesto elaborado polo Consello Local da Muller e coa interpretación da Danza Escocesa de Beethoven por parte de dous alumnos da Escola Municipal de Música.

Supoñerá un anticipo do evento que se desenvolverá o sábado 29 na Praza de Galicia co lanzamento a través das redes sociais da campaña: 'E ti que pintas contra vos malos tratos? '.

A idea desta iniciativa é aproveitar o tirón dos retos e a capacidade de difusión das redes sociais para sumar miles de apoios e traspasar fronteiras. A utilización destas ferramentas permite achegarse á poboación máis nova e, desta forma, preténdese sensibilizar e educar en materia de prevención de malos tratos debido aos altos índices de violencia de xénero que se detecta neste tramo de idades.

O acto do sábado na Praza de Galicia contará cun espectáculo no que intervirá o colectivo Nidya e colaboran Arosa TV, o fotógrafo José Luiz Oubiña, entre outros. A campaña xa se pode consultar a través de facebook baixo o lema 'Ti que pintas?' e do twitter @cmmvilagarcia.