A praza de Vilalonga xa é pública despois da compra do quiosco polo Concello

Sanxenxo
09 de marzo 2020

Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, formalizou a compra entregando un cheque de 39.703 euros ao propietario deste espazo. Agora, o goberno local encargará un proxecto para mellorar esta zona cunha partida de 200.000 euros recollida nos orzamentos municipais

Formalización da compra do quiosco da praza de Vilalonga
Formalización da compra do quiosco da praza de Vilalonga / Concello de Sanxenxo

A praza de Vilalonga xa pertence totalmente ao Concello de Sanxenxo, despois de que o alcalde Telmo Martín asinase a escritura e entregase ao propietario do quiosco que se atopaba neste espazo un cheque de 39.703 euros, cantidade pola que se taxou polo arquitecto municipal o inmoble, de 75 metros cadrados.

A familia Campo era a propietaria deste espazo e, segundo explica o alcalde, deu facilidades para que a operación se levase a cabo do mesmo xeito que o propietario do quiosco. Telmo Martín acordara coa familia a presentación dunha demanda sobre a propiedade da praza, que continuaba rexistrada a nome da familia do falecido empresario Epifanio Campo, aínda que estes familiares consideraban que o Concello era o único propietario desta zona.

A sentenza do Xulgado de primeira instancia número 4 de Cambados recoñeceu que a praza pertencía ao Concello de Sanxenxo. A praza ocupa unha zona de 4.388 metros cadrados e o  Concello xa contemplaba nos orzamentos unha partida de 220.000 euros para a reforma. O goberno local quere afrontar estes traballos neste 2020, para iso ten previsto encargar a redacción dun proxecto técnico, un prego de condicións para a licitación das obras e adxudicalas.