A presidenta da Deputación define a situación de Rande como un "coñazo"

Pontevedra
28 de maio 2018

Carmela Silva indicaba que este luns pasou 20 minutos nos atascos en Rande e indicou nunha comparecencia pública que agarda que o día 31 deste mes se resolva este "coñazo"

Carmela Silva, presidenta da Deputación Alejandro Vila

Os colapsos circulatorios na AP-9 e, en concreto, na ponte de Rande levaron á presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, a mostrar o seu enfado en público. 

Na presentación de TurisTic, un proxecto turístico e tecnolóxico que promove a institución provincial, a máxima responsable provincial agradecía a presenza dos medios de comunicación ás 09.30 horas deste luns no acto para, a continuación, afirmar que ela tivera que sufrir un atasco a primeiras horas da mañá na autoestrada cando viaxaba desde Vigo a Pontevedra.

"Estiven retida vinte minutos en Rande. A ver se é certo que o día 31 remata este coñazo. O digo así de claro", expresou Carmela Silva durante a súa comparecencia pública.

Os problemas na AP-9 levaron a que o Ministerio Fiscal abrise dilixencias nos últimos días debido a ese funcionamento deficiente, que está relacionado coas obras de ampliación de capacidade que acomete Audasa. Numerosos alcaldes reclamaron que se levante as barreiras cando se rexistren atascos.

O Ministerio de Fomento indicou que está previsto que o 31 de maio finalicen os traballos de rehabilitación na ponte de Rande.