A presidenta da Deputación recibe o novo comandante dos GRS da Garda Civil

Pontevedra
09 de xaneiro 2023

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu este luns ao comandante Leovigildo Villares, que acaba de asumir o mando do Grupo de Resposta e Seguridade (GRS) número 7, con base nas instalacións de Castrosenín, a poucos quilómetros do centro urbano da capital da provincia  

Carmela Silva e Leovigildo Villares
Carmela Silva e Leovigildo Villares / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu este luns ao comandante Leovigildo Villares, que acaba de asumir o mando do Grupo de Resposta e Seguridade (GRS) número 7, con base nas instalacións de Castrosenín, a poucos quilómetros do centro urbano da capital da provincia.

"Para mí, como siempre, es un honor recibir a los Cuerpos y Fuerzas de Seguridad del Estado" sinalou Carmela Silva, que incidiu ademais en que "en esta provincia son muy valorados, muy queridos y muy respetados". 

Tamén aplaudiu o seu "papel fundamental" afirmando que "nunca podremos estar suficientemente agradecidos" por ese "gran trabajo" que realizan.

A presidenta apuntou que "esta administración provincial tiene como seña de identidad querer tener una extraordinaria relación con todas las instituciones".

Ademais, Carmela Silva comentou que xa coñecía ao comandante Villares por coincidir con el noutras ocasións, algunhas "complejas" como os incendios forestais.

Por último, a presidenta desexoulle éxito a Leovigildo Villares no desempeño da súa nova responsabilidade á fronte desta unidade de elite, especializada e en garda permanente, lista para mobilizarse en tempo récord a calquera punto de Galicia.

Pola súa banda o comandante agradeceu a Carmela Silva esta "bienvenida" e a súa "predisposición y colaboración" convidándoa a que visite as instalacións de Castrosenín para "que pueda ver nuestras capacidades y en lo que podemos ser de utilidad".

Villares tomou posesión do mando do GRS 7 o pasado 14 de decembro nun acto celebrado neste acuartelamento de Castrosenín, situado na parroquia pontevedresa de Mourente, onde xa estivera destinado antes de ser responsable do subsector de Tráfico.

Os Grupos de Resposta e Seguridade (GRS) creáronse en 1988 e son a principal unidade da Garda Civil para a defensa da orde pública nas grandes concentracións de persoas, a protección e seguridade de personalidades e colaboran en casos de grave risco ou catástrofe, encargándose ademais de reforzar o servizo das unidades territoriais da Garda Civil en aspectos como a loita contra os incendios.

Tamén é habitual a súa participación na loita contra o narcotráfico, sempre dentro dos seus labores fundamentais para garantir a orde e a seguridade das persoas.