A presión da covid-19 continúa nos hospitais da área sanitaria: volven crecer os pacientes en UCI e planta

Pontevedra
15 de febreiro 2021
Actualizado: 13:19

Este luns hai catro pacientes máis ingresados, tres en planta e un na unidade de coidados críticos. Serían seis hospitalizados máis, pois confirmouse a morte de dúas mulleres que estaban ingresadas no Hospital Montecelo. Na última xornada confirmáronse 54 novos positivos e hai 1.725 casos activos, 62 menos que o domingo

UCI de Pontevedra con pacientes con covid-19
UCI de Pontevedra con pacientes con covid-19 / Pool / Ramón Leiro

Mentres os  contaxios diarios seguen reducíndose e o número de casos activos descende, a situación nos hospitais segue sen acabar de canalizarse. Tras varios días de redución de hospitalizados, este luns, de novo, volveron a crecer e hai catro pacientes máis ingresados que un día antes, tres en planta e un na unidade de coidados críticos. En realidade, serían seis hospitalizados máis, pois se confirmou a morte de dúas mulleres que estaban ingresadas no Hospital Montecelo

En total, segundo o último balance oficial do  Servizo  Galego de  Saúde, este luns 15 de febreiro hai 105 pacientes nos hospitais pontevedreses, dos que 22 están en coidados críticos no Hospital Montecelo, o que implica que seguen habilitadas como UCI tres unidades de hospitalización deste centro hospitalario. 

Os 83 pacientes restantes están ingresados en planta de hospitalización, 71 en Montecelo, 9 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 3 no Hospital  do Salnés. Tan só en Montecelo aumentaron, pois nos outros dous non se produciron cambios na última xornada. 

Esta presión asistencial confírmase nunha xornada na que se confirmaron 54 novos positivos de covid-19, 45 deles nas 658 probas PCR realizadas nas últimas 24 horas. En total, realizáronse xa na área sanitaria 156.299  PCRs desde o inicio da pandemia.

Tras darse o alta a 114 pacientes nas últimas 24 horas e falecer outros dous, o cómputo final de casos activos na área sanitaria redúcese e hai este luns 1.725, 62 menos que o domingo.  

O resto de pacientes con covid-19, 1.620, mantense en illamento no seu domicilio, onde reciben seguimento por parte dos profesionais de atención primaria. 

Desde o inicio da pandemia curáronse 9.946 pacientes (114 na última xornada) e faleceron 141 pacientes (as dúas últimas, dúas mulleres en Montecelo de 76 e 82 anos).

EVOLUCIÓN EN GALICIA

A nivel autonómico, a Dirección  Xeral de Saúde Pública comunicou, no seu último balance, que en Galicia hai este luns 13.052 casos activos de covid-19, 639 menos que o domingo. Na última xornada confirmáronse 372 novos  contaxios, 345 a través de probas  PCR efectuadas nas últimas 24 horas.

Do mesmo xeito que na área sanitaria de Pontevedra, aumentaron os pacientes hospitalizados, cun total de 1.016, 19 máis que o domingo. Deles, 224 están en unidades de críticos, 2 máis nunha xornada, e 792 ingresados en planta. Son 17 novos ingresos.

Todas as áreas galegas rexistran un descenso dos casos activos. A máis  afectasa segue sendo A Coruña, con 3.964 casos, un descenso de 182. O resto de casos activos repártense da seguinte forma: Santiago, 1.689 (-123); en Vigo, 2.029 (-111); en Ourense, 1.217 (-95); en Lugo, 1.171 (-65) en Pontevedra e O Salnés, 1.72 (-62); en Ferrol, 1.257 (-55).