A primeira fase das obras de Luis Rocafort remata o mércores 21

Sanxenxo
13 de xuño 2017

Este venres 16 finalizarán os traballos de maior relevancia, e luns e martes realizaranse pequenos remates, retiraranse os valos e limparase a vía para que quede en perfecto estado

Primeira fase das obras da rúa Luis Rocafort
Primeira fase das obras da rúa Luis Rocafort / Deputación de Pontevedra

A primeira fase da mellora integral da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo quedará totalmente rematada o vindeiro mércores 21. Tal e como estaba previsto, os traballos de maior envergadura finalizarán este venres 16, e os vindeiros luns e martes os operarios dedicaranse a realizar pequenos remates, retirar valos de obra e limpar a vía coa intención de que quede en perfecto estado e con garantías de seguridade para o tránsito peonil.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, mostrouse este martes moi satisfeito coa calidade da actuación, así como co avanzado dos traballos, que van por diante do cronograma pactado co Concello.

"Estou máis que satisfeito pola calidade da obra. A pesares das dúbidas do Concello, a mellora seguiu como se acordou inicialmente e os resultados están á vista: son excelentes. A calidade urbana desta actuación marcará un antes e un despois para Sanxenxo, que será referente da mobilidade sostible, xa que as persoas son o centro da actuación", apuntou o nacionalista.

Está previsto que o reinicio das obras se realice o luns 18 de setembro. Todas estas cuestións foron comunicados polo técnico director de obra ao concelleiro de Infraestruturas de Sanxenxo. 

O proxecto de mellora integral da mobilidade na avenida Luís Rocafort está a ser executado pola UTE Nexia-Oresa.