A primeira fin de semana de festas deixa menos lixo na rúa que en anos anteriores

Pontevedra
16 de agosto 2022

A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías informou que durante esta primeira fin de semana de festas da Peregrina recolleuse menos lixo na rúa que en anos anteriores

Lixo na praza do Teucro na noite do sábado
Lixo na praza do Teucro na noite do sábado / PontevedraViva

A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías informou que durante esta primeira fin de semana de festas da Peregrina recolleuse menos lixo na rúa que en anos anteriores.

Concretamente a empresa PreZero, concesionaria do servizo de limpeza, recolleu 11 toneladas de lixo na noite do sábado e 6 toneladas o domingo. É un dato sensiblemente mellor que o do 2019, antes da pandemia, cando se cuantificaron 14 toneladas na noite do sábado e 8 na do domingo.

"Podemos dicir que a cidadanía se vai concienciando, e aínda que queda moito por facer a redución é drástica", valorou Anabel Gulías. 

A portavoz municipal tamén fixo "unha valoración moi positiva" do arranque das festas "é unha obviedade que as rúas están a recuperar ese ambiente festivo que perdemos por culpa da pandemia".

"Hai un ambientón nas nosas rúas e prazas que fan presaxiar que estas festas van ser memorables" engadiu a portavoz municipal que tamén se referiu ao impacto económico que isto supón.

INCIDENCIAS

En canto ás incidencias da fin de semana, Anabel Gulías resumiu que non houbo "nada reseñable". Só houbo dous traslados en ambulancia na noite do sábado a centros sanitarios e no punto de antención instalado polo Concello de Pontevedra na Alameda atendéronse a 8 persoas o sábado e 6 o domingo.