A primeira fin de semana de peñas pecha sen incidentes salientables e con 15 toneladas de lixo

Pontevedra
04 de agosto 2014

Durante toda a fin de semana reforzouse a presenza na rúa de axentes das policías Local e Nacional. A pesar da masiva afluencia de xente nas rúas e prazas non se rexistraron incidentes salientables á marxe de pequenas pelexas sen maiores consecuencias. O PAC da Parda e o Hospital Montecelo atenderon a 19 persoas que presentaban intoxicacións etílicas ou feridas por cortes e pequenas lesioneslesiones

Celebracións de peñas no primeiro fin de semana de feira taurina nas rúas de Pontevedra
Celebracións de peñas no primeiro fin de semana de feira taurina nas rúas de Pontevedra / Diego Torrado

A primeira fin de semana de feira taurina da Peregrina e as habituais celebracións das peñas transcorreron sen incidentes relevantes en Pontevedra. Entre o sábado e o domingo o operativo especial de recollida de lixo habilitado recolleu un total de 15 toneladas de residuos e os servizos sanitarios atenderon a 19 persoas que presentaban intoxicacións etílicas ou feridas por cortes e pequenas lesións.

Fontes do Servizo Galego de Saúde e do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) explican que tanto o Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda coma o Hospital de Montecelo tiveron maior actividade que outras fins de semana, pero non máis que en anos anteriores durante as xornadas de peñas. O sábado chegaron a ambos os dous centros máis mozos que necesitaban atención que o domingo.

En concreto, durante as tardes e noites do sábado e o domingo chegaron ao PAC da Parda nove persoas que sufrían algunha intoxicación por exceso de consumo de alcohol ou sufriran algunha agresión. En Montecelo atenderon entre a tarde do sábado e a madrugada do domingo a nove persoas por intoxicación etílica e a tan só unha persoa entre a tarde do domingo e a madrugada deste luns. O centro hospitalario non conta con cifras de persoas que requiriron asistencia por verse implicadas nalgunha pelexa. O ano pasado, durante a mesma fin de semana, atenderon a 14 persoas feridas e a 20 con intoxicacións etílicas.

 O PAC da Parda e Montecelo recibiron 19 persoas por intoxicacións etílicas, cortes e lesións

Durante toda a fin de semana reforzouse a presenza na rúa de axentes das policías Local e Nacional ante a posibilidade de que se producisen incidentes, pois conflúen nas rúas pontevedresas persoas que acoden á Praza de Touros e grupos de mozos que crean peñas taurinas sen acudir á feira. A pesar da masiva afluencia de xente nas rúas e prazas, as fontes policiais consultadas sinalan que non se rexistraron incidentes salientables á marxe de pequenas pelexas sen maiores consecuencias.

O voceiro de Goberno local, Raimundo González, sinalou que non houbo incidentes salientables á marxe de pequenas actuacións como a recuperación de catro carriños de compra de distintos supermercados que foran retirados do establecemento comercial e utilizado durante as celebracións das prazas da cidade.

Ademais, Raimundo González indicou que as festas xurdidas na rúa e no exterior dos establecementos hoteleiros xeraron unha cantidade similar de lixo á de anos anteriores, pois en 2014 foran 14 toneladas durante a mesma fin de semana. A empresa Cespa recolleu dez toneladas de residuos tras a celebración do sábado e cinco toneladas despois da festa do domingo. O operativo especial de limpeza tivo maior carga de traballo no ámbito do Campiño de Santa María, a Praza de Touros, a Praza do Teucro e os arredores dun establecemento de hostalaría da Praza de Curros Enríquez.