A primeira planta do mercado renovarase haxa ou non novo regulamento

Pontevedra
29 de novembro 2016

Fontes municipais recoñecen que impulsar este cambio de usos sería moito máis fácil se se aprobase o novo regulamento, pero en todo caso entenden que a actual normativa xa o permite porque habilita ao Concello, propietario das instalacións, a reservar postos de traballo para outras actividades

Sétima Feira no primeiro andar da praza de abastos
Sétima Feira no primeiro andar da praza de abastos / Cristina Saiz

O último pleno da corporación municipal non aprobou o novo regulamento redactado polos técnicos do Concello para o mercado de abastos. A oposición forzou, tras a petición das praceiras, que o asunto fora retirado da orde do día e instaron o goberno a abrir unha negociación cos profesionais da praza para acordar esta normativa.

Pero a pesar deste contratempo, o goberno municipal mantén os seus plans para converter a primeira planta do mercado nun espazo gastronómico sustentable.

Fontes municipais recoñecen que impulsar este cambio de usos sería moito máis fácil se se aprobase o novo regulamento, pero en todo caso entenden que a actual normativa xa o permite porque habilita ao Concello, propietario das instalacións, a reservar postos de traballo para outras actividades.

Ademais, tamén facultaría ao goberno municipal a trasladar á prata baixa os postos que se consideren oportunos -como as vendedoras de froita e verdura que ocupan actualmente o espazo central- apelando ao interese xeral do proxecto que se queira instalar no mercado.

En todo caso, o Concello está decidido a "non tocar" a proposta de novo regulamento, xa que consideran que o traballo dos funcionarios que o redactaron durante os últimos meses foi "magnífico". Nel, ademais, se recollen gran parte das alegacións presentadas polas usuarias do mercado.

Tanto o regulamento como as alegacións presentadas no seu día, aseguran desde o Concello, están a disposición dos profesionais da praza nas oficinas das instalacións. Por alí pasaron nos últimos días unha trintena de persoas para revisar a documentación presentada.