Aínda quedan actuacións por continuar e comezar na reforma do Teatro Principal, pero as primeiras que se remataron supoñerán ao Concello de Pontevedra reducir o gasto enerxético que conlevaba a actividade neste edificio.
Segundo sinalaban o alcalde, Miguel Anxo Fernández e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, durante a visita para supervisar a actuación executada, o cambio de iluminación de todo o escenario "supoñerá un aforro do 70% e tamén menos mantemento".
Esta primeira fase de melloras - demorada pola quebra da empresa Acevi -, inclúe tamén a adquisición dun novo proxector que se estreará coa reapertura do Principal o vindeiro luns 5 de setembro no ciclo Amal en Ruta; a reforma e accesibilidade dun dos baños laterais ao patio de butacas e "un pequeno problema estrucutural no galiñeiro que houbo que mellorar". En total, un montante económico de 300.000 euros.
Nunha seguinte fase, que non requirirá dun peche do inmoble, continuarase coa reforma do baño do lateral dereito; terminar a colocación dun ascensor desde a planta baixa á segunda, onde se contempla habilitar outro baño e tamén renovar as butacas. "Se se licita este ano faríase cunha partida duns 150.000 euros", sinalaban os representantes municipais.
O Concello concorrerá á convocatoria de axudas europeas PIREP destinadas a rehabilitacións de edificios públicos para afrontar "a obra importante, que será a que se consiga para acometer o illamento e eficiencia enerxética" apuntaba Fernández Lores, xa que as filtracións por humidades evidéncianse no inmoble.De igual forma, engadía, queda pendente o arranxo do escenario por problemas de nivelación.