A provincia consolida o seu liderado turístico en Galicia cunha ocupación media do 66 % durante o verán

Pontevedra
30 de setembro 2021

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este xoves os datos de ocupación en aloxamentos turísticos do mes de setembro, que se sitúan moi próximos aos rexistrados en 2019, antes do estalido da pandemia

Visitantes fan fotos turísticas na Praza de Ourense
Visitantes fan fotos turísticas na Praza de Ourense / PontevedraViva

A provincia de Pontevedra pecha a súa campaña turística de verán cunha ocupación media do 66 %, unha cifra moi próxima á rexistrada no 2019, antes da pandemia, e que supera en máis de 20 puntos á media de ocupación do pasado verán. "Aínda non é unha recuperación total", admitiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que este xoves fixo balance dos datos de ocupación do mes de setembro e que se mostrou moi "satisfeita" polo volume de visitantes recibidos nas Rías baixas ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.

Neste último mes de tempada estival, a provincia rexistrou unha ocupación media en todos os seus establecementos turísticos do 52,5 %, un 23,5 % máis que no mesmo período do ano 2020. Por comarcas, a de Vigo lidera o ranking de ocupación, seguida da de Pontevedra (62 %), Salnés (53,4 %), O Morrazo (49%) e Caldas (47 %).

"A provincia de Pontevedra consolída o seu liderazgo turístico en Galicia e tamén como un destino top no conxunto de Estado", sinalou con orgullo a mandataria socialista.

En referencia aos datos globais do verán, a ocupación pechouse cunha media do 66 %, que son só cinco puntos menos que os rexistrados no 2019 e vinte puntos por encima dos datos do 2020. Por comarcas, en Pontevedra acadouse unha ocupación media do 72 %, no Morrazo, un 73 %: no Salnés, un 70 %; e en Caldas, un 66 %. Nas principais cidades e vilas turísticas das Rías Baixas os datos tamén melloran con respecto ao ano anterior e sitúanse en niveis próximos á etapa prepandemia.

Nos aloxamentos de turismo rural, setembro pechouse cunha ocupación media do 46 %, mentres que no cómputo global do verán a media sitúase no 66,5 %. Os cámpings, pola súa banda, notaron o habitual bajón do mes de setembro, que se pechou cun 25 % de ocupación media.

Carmela Silva avanzou tamén as previsións que manexa Turismo Rías Baixas para o próximo mes de outubro, no que esperan unha ocupación media do 33 % con picos que superen o 45 % durante a ponte da Hispanidade.