A provincia de Pontevedra ten activos 1.044 casos de violencia de xénero

Pontevedra
03 de setembro 2018

A subdelegada do Goberno Maica Larriba presentou o decreto lei para a violencia de xénero polo que se trasladan aos concellos as competencias e unha partida económica para que aborden os casos de maltrato contra as mulleres ao entender que é a fórmula de estar máis preto das vítimas

María Debén, coordinadora de Igualdade e Maica Larriba, subdelegada do Goberno
María Debén, coordinadora de Igualdade e Maica Larriba, subdelegada do Goberno / Paula Sanmartín

A provincia de Pontevedra conta cunha alerta de 1.044 casos de violencia de xénero activos. 104 deles son de risco medio, 9 casos alcanzan risco alto e un é de nivel moi alto.

A estes casos destínanse unidades das forzas e corpos de seguridade cun seguimento detallado, con visitas a centros de traballo ou a domicilios das vítimas. Desta forma, a Garda Civil na provincia ocúpase de 482 destas situacións de perigo, a Policía Nacional de 81 casos, do mesmo xeito que a Policía Autonómica mentres que a Policía Local leva a cabo o seguimento de 166 casos, segundo indicaba a subdelegada do Goberno Maica Larriba este luns.

A representante gobernamental, acompañada pola coordinadora das unidades de violencia de xénero da Delegación do Goberno, María Debén, presentaba o decreto lei para a violencia de xénero polo que se trasladan aos concellos as competencias e unha partida económica para que aborden os casos de malos tratos contra as mulleres ao entender que é a mellor fórmula para estar máis preto das vítimas, explicou Larriba. 

Os 61 concellos da provincia repartiranse para esta finalidade unha cantidade de 212.000 euros antes de finais de ano. E durante 2019, o Goberno achegará 425.000 euros. Todos os municipios recibirán 689 euros e outra cifra de 0,18 euros por habitante, atendendo ao padrón. Ademais, os remanentes que se poidan derivar destas partidas destinaranse aos concellos que formen parte do Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero (Viogen), un proxecto destinado a previr situacións de risco e protexer ás vítimas.

Actualmente 11 concellos atópanse integrados en Viogen dentro da provincia: Bueu, Caldas, Marín, Pontevedra, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Redondela, Porriño, Salceda e Vigo. A subdelegada convidou o resto de gobernos locais a formar parte deste sistema para seguir os casos de violencia de xénero anunciando que poderán contar con máis recursos.

María Debén indicou que detectan un maior interese cidadán en colaborar na denuncia de casos de violencia contra as mulleres e destacou, neste sentido, o feito de que os medios deixasen de falar de aspectos relacionados cos celos ou utilizar o termo "crime pasional" para referirse a estes asasinatos. Indicou que para evitar o efecto dominou que se produce cando hai un caso é necesario evitar informacións morbosas.