A próxima semana empezarán as obras de mellora de accesos á praia de Canelas

Sanxenxo
03 de xullo 2017

A obra consiste na construción dunhas escaleiras de pedra que permitan a baixada á praia e, á súa vez, actúen como contención no lugar. Ademais, vai consolidar o noiro natural con tres bancadas e volverase a plantar vexetación natural para que cubra toda a zona

Visita da xefa provincial de Costas, Cristina Paz, a Sanxenxo
Visita da xefa provincial de Costas, Cristina Paz, a Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

As obras para mellorar un dos accesos á praia de Canelas comezarán o vindeiro luns e estímase que terán unha duración de 20 días, de modo que para finais deste mes de xullo previsiblemente estarán terminadas. 

O anuncio realizouno este luns a xefa provincial de Costas en Pontevedra, Cristina Paz, durante unha visita a Sanxenxo na que estivo acompañada polo alcalde en funcións, Gonzalo Pita, e o concelleiro de Infraestruturas, Daniel Fernández. 

Segundo informou o Concello de Sanxenxo a través dun comunicado, a obra consiste na construción dunhas escaleiras de pedra que permitan a baixada á praia e, á súa vez, actúen como contención no lugar. Ademais, vai consolidar o noiro natural con tres bancadas e volverase a plantar vexetación natural para que cubra toda a zona. 

Cristina Paz reuniuse na parroquia de Noalla con representantes da comunidade de montes. Durante o encontro analizouse a viabilidade de ampliación do parque infantil da Revolta cunha obra que consistiría na roza, limpeza e adecuación do terreo contiguo ao parque, propiedade da comunidade e incluído en terreos de dominio público marítimo terrestre. Duplicaríase o espazo do parque actual. 

Segundo indicou o Concello, a comunidade de montes tamén estuda a construción dunha pasarela, cun dique e un noiro sobre unha gabia, que permitiría o paso da auga e uniría a zona que vai desde o parque infantil da Revolta coa estrada PO-550. Tanto esta actuación como a ampliación do parque serían financiadas pola propia comunidade.