A punto o novo aparcadoiro público gratuíto para o Chan do Monte e o Colexio San Narciso

Marín
12 de novembro 2022

O Concello de Marín acondicionou unha parcela de 1.200 metros cadrados que, segundo informa, poderá utilizarse dende o próximo luns 14 de novembro

Novo aparcadoiro de balde para o IES Chan do Monte e o Colexio San Narciso
Novo aparcadoiro de balde para o IES Chan do Monte e o Colexio San Narciso / Concello de Marín

Os centros de ensino IES Chan do Monte e o Colexio San Narciso de Marín contarán a partir do próximo luns 14 de novembro cunha nova zona de aparcadoiro de balde.

Segundo confirmou o Concello de Marín, esa é a data na que entrará en servizo a parcela de 1.200 metros cadrados habilitada na zona, e que contará con capacidade para 50 vehículos.

Trátase dunha demanda da comunidade educativa, e é que os cursos de FP que se imparten en ambos os dous centros provocan unha afluencia considerable de coches ao poder o alumnado, pola súa idade, utlizar ese medio de transporte.

Con este novo espazo, que o venres visitou a alcaldesa María Ramallo acompañada dos directores e representantes da comunidade educativa do San Narciso e o Chan do Monte, conséguese que practicamente todos os centros educativos da vila teñan asociado un espazo público de estacionamento.