Coñecer polo miúdo que é o que respiramos os pontevedreses ou coñecer o nivel de ruído que soportamos é un dos obxectivos que persegue unha rede de sete sensores que se instalará en distintos puntos da cidade.
Este proxecto de innovación ambiental e tecnolóxica da Universidade de Vigo permitirá medir, vía satélite, os niveis de monóxido e de dióxido de carbono, de gases derivados do petróleo ou de partículas en suspensión. Ademais coñeceremos polo miúdo o ruído urbano da cidade.
Todos estes datos en tempo real, que serán de acceso público, forman parte do convenio de colaboración asinado entre o Concello, a Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidade Galega.
O concelleiro de Territorio e Infraestruturas, César Mosquera, explicou os detalles deste proxecto de investigación que nunha segunda parte que se desenvolverá o ano próximo tamén incluiría máis sensores en distintos ríos, brañas e acuíferos do municipio para avaliar a calidade da auga.
O Concello achegará 36.000 euros anuais para manter a actividade experimental deste grupo investigador da Universidade que converterá a Pontevedra nunha das cidades máis "vixiadas" de España.